Labirinto de Breogán Lecer verde para todos

Ven a perderte ao labirinto máis grande de España

Durante o percorrido atoparás unha serie de pistas que cada tempada modificamos para axudarche a atopar a torre de Breogán e os xogos tradicionais que atesoura.

No ano 2017 no concello de Vilarmaior (A Coruña) inaugúrase o Roteiro dos Petróglifos, dando así a coñecer a maior concentración de petróglifos de Galicia. Nesta contorna rural, afastado do estrés diario e xunto a este máxico lugar decidimos plantar as máis de 4.000 árbores que dan forma de cruz celta ao que, segundo GOOGLE EARTH e en 2026, segue sendo o labirinto máis grande da península (6120 m2). Tanto aqueles que gravaron os petróglifos como os nosos antepasados celtas desfrutaron desta terra máxica, agardamos que tamén vós o fagades cando veñades a visitarnos. A vida moderna afástanos da terra e dos seus ritmos, que seguen sendo os nosos. Camiñemos de volta ás orixes, a unha época onde a natureza nos mergullaba en todo o seu esplendor. Tornemos aos valores dos nosos antepasados: o amor pola terra, pola natureza, e o lecer xunto á familia e amizades.

Un lugar singular

É difícil datar os labirintos máis antigos, porque case todos son petróglifos. Os petróglifos son representacións simbólicas gravadas en pedra que rexistran feitos ou mitos, poden ter forma de animais, figuras humanas, deseños circulares tallados á entrada de tumbas... En Galicia é ben coñecida a Pedra do Labirinto de Mogor ou a de Meis. Os petróglifos son unha presenza silenciosa que acrecenta esa aura de misterio que rodea a paisaxe galega. Do mesmo xeito que os petróglifos, tamén os labirintos teñen un compoñente místico. Estes representaban a viaxe da escuridade á luz ou a sabedoría secreta descuberta tras a superación dunha proba.

Para os celtas, o labirinto significaba a aprendizaxe mediante a observación do mundo que nos rodea. Para eles os diferentes planetas movíanse en círculos e, segundo as súas deducións, a conformación do universo tiña forma de espiral celta.

Algúns historiadores sitúan o labirinto máis famoso en Glastonbury (sur de Inglaterra), rodeando o outeiro de Tor e identificando este como Ávalon, a lendaria illa da mitoloxía celta. E se falamos de mitoloxía celta non podemos deixar de nomear a Breogán. O Leabhar Gábhala, libro das Invasións Irlandesas escrito por monxes irlandeses no século XII, recolle unha lenda que conta como o rei celta Breogán funda a cidade de Brigantia (A Coruña), e constrúe a Torre de Breogán, posiblemente precursora da Torre de Hércules.

Novidades en Facebook

O noso Facebook

Ver Facebook

Bota un ollo ás opinións doutros visitantes!


Síguenos en Instagram

Instagram

Pet friendly